Saturday 04 de May de 2024

Negreira anuncia a instalación dun ascensor na rúa Historiador Vedía para mellorar a accesibilidade peonil desta vía


O alcalde anuncia que a revisión e adaptación do PEPRI se publicou esta mañá no BOP

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá a instalación dun ascensor enHistoriador Vedía para mellorar a accesibilidade peonil nesta rúa. Tal e como informou, este proxecto substitúe á iniciativa de implantar un elevador en Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez, tras a demanda dos veciños: “Formularamos un ascensor en Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez e por iniciativa dos veciños acordamos cambiar de zona este elevador e situalo en Historiador Vedía”.
O alcalde explicou que, para o Goberno local, é fundamental mellorar a accesibilidade, tanto nos espazos públicos, coma nos edificios. Neste sentido recordou os traballos para a instalación de ascensores en Ramón Cabanillas e Capitán Troncoso ou de escaleiras mecánicas en Mestre Clavé -nestes proxectos estanse a investir 1,6 millóns de euros-. Ademais no mandato realizáronse máis de 500 pequenas actuacións en distintos barrios da cidade co obxectivo de mellorar os problemas de accesibilidade das rúas coruñesas. Con respecto ao Plan de Ascensores, Carlos Negreira recordou que se beneficiaron desta medidas máis de 7.000 persoas na cidade: “Seguiremos traballando nesta liña para que as vivendas de moitos coruñeses deixen de ser auténticos cárceres”, sinalou.
PEPRI
Por outra parte, o alcalde anunciou que hoxe xa se publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a revisión e adaptación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Cidade Vella e Peixaría que, ademais, xa se pode consultar, dende onte, na web municipal www.coruna.es/urbanismo: “Este plan, que mereceu un amplo apoio de todos os sectores, dende colectivos veciñais a profesionais, estivo caracterizado pola súa transparencia e participación e xa está dispoñible na web para que quen o desexe poida ver e consultar toda a documentación,” asegurou.
Tal e como recordou Negreira, tras máis de 16 anos no que o PEPRI de 1998 non lograra a recuperación da zona, o novo documento pretende darlle un impulso: “O obxectivo é que esa zona sexa vivida, conservar pero tamén rehabilitar e conseguir o equilibrio entre o impulso do uso residencial e a recuperación da actividade económica”. Neste sentido recordou que o PEPRI contempla un programa de rehabilitación a 12 anos que supón actuar sobre o 20% do parque edificado -334 inmobles- e lograr unha ocupación do 88% coa actuación sobre 1.326 vivendas. O alcalde subliñou que este plan, unido a proxectos que xa se puxeron en marcha, como a peatonalización, o plan de murallas, os ascensores de Capitón Troncoso e As Ánimas ou as obras do Parrote e La Marina axudarán á recuperación do casco histórico, “un conxunto que temos” que “preservar”, finalizou.